As que abriron camiño

Novas

Os seus sorrisos recíbenme. Saben que veño interesarme polas súas historias laborais, das que están orgullosas. Foi unha vida de loita e traballo constante e, contalo, a pesar dos nervios iniciais, sempre é moi satisfactorio. É algo así como un premio á perseveranza das que abriron camiño nun mundo ao que aínda hoxe “lle queda un puntiño por superar”.

Ángeles Prada Núñez leva 38 anos como técnica administrativa —na actualidade tamén responsable de Recursos Humanos— na empresa valdeorresa de pizarra Vazfer. Un tempo que ela resume, curiosamente, cos tres fitos máis importantes da súa vida persoal: “Estaba solteira cando vin, e xa teño dúas fillas maiores”. Uns minutos de conversa máis tarde, chega o gran valor que para ela sempre tivo a súa empresa: “nunca tiven problemas para conciliar”.

Ángeles Prada exerce como técnica administrativa nunha empresa de lousa en Carballeda de Valdeorras.

A continuidade de Ángeles á fronte do seu traballo durante tantos anos, e esa capacidade de análise e empatía coa xente, fai máis doado para o profano no sector coñecelo desde dentro e ver a súa evolución, descrita desde unha veteranía abrumadora que analiza cada paso dado na incorporación da muller a un mundo inicialmente reservado e identificado co xénero masculino.

“De cando eu empecei a hoxe, é un abismo; a tecnoloxía transformou o traballo e fixo que as diferenzas entre home e muller desaparezan, porque hoxe en día unha muller pode desempeñar as mesmas labores ca un home”. De feito, explica, “un exemplo é a nosa encargada de nave, unha persoa perfectamente formada que é unha profesional no labor que desempeña nesta empresa”.

Ángeles Vázquez traballa desde hai 38 anos no mundo da lousa.

Noelia Pérez Casas é encargada de nave en Vazfer e ela tamén abriu camiño. A súa mirada viva e a súa forma de moverse delátana: estamos ante unha persoa feita a si mesma, para a que a vida non foi doada e que hoxe está onde está porque, como ela mesma di, “ganeino”. Porque organizar o traballo nunha nave require coñecemento e ganas “a partes iguais”, querer progresar “e aprender como funciona a ponte guindastre, a carretilla ou aquela nova máquina que non sei como funciona”.

Noelia Pérez é encargada nunha nave de lousa.

A primeira empresa do sector para a que traballou Noelia interesouse moito en que continuase a súa formación. O seu xesto abranda ao contar que cando chegou á pizarra “era moi nova, e insistiron moito en que seguise estudando”. Aquilo permitiulle mesmo traballar durante anos noutras ocupacións, pero sen deixar nunca de todo a súa paixón pola lousa, á que volveu anos despois, “con máis ganas”. As cousas daquela cambiaran tanto que “identificar os traballos en nave e canteira coa forza bruta exercida só polo xénero masculino converteuse nun tópico sen sentido, porque hoxe o traballo pódeo facer igual un home ca unha muller”.

A pesar das dificultades iniciais propias doutros tempos, ambas as dúas animan ás novas xeracións de mulleres a achegarse ao sector da lousa, “onde a xente ten un salario con boas condicións laborais, incluso mellor ca noutros sectores onde se require maior cualificación”.

Noelia subida a unha carretilla na nave de lousa na que exerce como encargada.

A súa determinación levou en ocasións a Noelia a esixir “que me colocasen onde merecía” e máis tarde “a que me recoñecesen a categoría salarial que me correspondía”, algo que, explica, a moitos dos seus compañeiros homes nunca lles tocou esixir. A súa loita, como a doutras que abriron camiño coma ela, logrou que hoxe “as cousas sexan completamente diferentes”, a pesar de que, como di Ángeles, “ese puntiño que falta” aínda non conseguimos corrixilo como sociedade, e sexa algo polo que debamos seguir adiante “como sempre o fixemos”.

gl_ES