
Un grupo de alumnos de terceiro curso do Grao en Enxeñaría de Obras Públicas da Universidade da Coruña, no marco da materia Enxeñaría do Terreo, visitou esta mañá a comarca de Valdeorras co obxectivo de coñecer de primeira man, e sobre o terreo, o funcionamento e as características do sector da lousa.
Durante a súa visita, os estudantes estiveron acompañados pola profesora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da UDC, María José Mijares, quen foi subdirectora xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia. A docente destacou a relevancia deste tipo de iniciativas para achegar a realidade industrial ao ámbito académico.
Os estudantes da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canales e Portos da Universidade da Coruña completaron un programa de visitas en Carballeda de Valdeorras acompañados da docente María José Mijares
Recepción na sede do Clúster da Lousa
A visita comezou en Sobradelo de Valdeorras, onde o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, recibiu o grupo de estudantes nas instalacións do organismo. Durante o encontro, López ofreceu ao alumnado unha presentación técnica na que puxo en valor as principais características da pizarra galega, o seu proceso de formación, así como as súas aplicacións construtivas e a súa relevancia nos mercados internacionais.
Posteriormente, o grupo desprazouse ata o núcleo do Trigal, tamén no municipio de Carballeda de Valdeorras, onde visitou unha nave de elaboración da empresa CUPA, podendo observar de preto os procesos de selección do material e transformación.
A xornada completouse cunha visita a unha canteira a ceo aberto da empresa Pizarras Vazfer, situada en Casaio, no mesmo termo municipal. Alí, os estudantes comprobaron in situ as técnicas de extracción e as condicións do xacemento.

Vínculo entre o sector produtivo e o ámbito universitario
“Desde o Clúster da Pizarra de Galicia valoramos moi positivamente visitas como a recibida hoxe, xa que contribúen á formación dos futuros profesionais que desenvolverán a súa actividade no ámbito da obra pública”, sinalou Eliseo López.
“Estes encontros reforzan o vínculo entre o sector produtivo e o ámbito universitario e axúdannos a poñer en valor a relevancia estratéxica da pizarra galega como recurso natural, elemento construtivo de primeira orde e motor económico do territorio”, concluíu o presidente do Clúster.


