Trátase dun recurso práctico para facilitar a implantación de medidas preventivas e promover unha xestión integral da seguridade e da saúde no traballo.

O Clúster daPizarra de Galicia presentou a guía interactiva “Modelo para o control integral dos riscos asociados á exposición á sílice cristalina respirable nas naves de elaboración de pizarra”, unha ferramenta deseñada para axudar as empresas do sector a identificar, avaliar e previr os riscos derivados da presenza deste axente no contorno laboral.
A presentación tivo lugar no salón de actos da Casa Grande de Viloira e contou coa participación de representantes institucionais e autoridades vinculadas ao sector procedentes de toda Galicia. Durante a xornada técnica déronse a coñecer as principais funcionalidades desta guía, concibida como un recurso práctico para facilitar a implantación de medidas preventivas e promover unha xestión integral da seguridade e da saúde no traballo.
O documento achega criterios homoxéneos para abordar situacións que ata o de agora podían xerar incerteza e establece un modelo de actuación orientado a mellorar a xestión dos riscos asociados á exposición á sílice cristalina respirable nos procesos de elaboración da pizarra.
Desde o Clúster da Pizarra de Galicia impulsouse esta publicación interactiva co obxectivo de poñer á disposición das empresas do sector unha ferramenta útil, rigorosa e accesible que facilite a integración da prevención nos procesos produtivos diarios e contribúa a reforzar o compromiso da industria coa protección da saúde das persoas traballadoras.
A xornada foi inaugurada polo presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López Alonso, quen destacou que esta guía responde á necesidade de “facilitar unha aplicación práctica”, co obxectivo de “construír un sector cada vez máis seguro e preparado para afrontar os retos do futuro”.

Esta nova guía, na cuxa elaboración tamén colaborou o Grupo de Desenvolvemento Rural de Valdeorras (GDR7), aborda a identificación dos riscos asociados á exposición á sílice cristalina respirable, establece os criterios para realizar unha avaliación axeitada e desenvolve un amplo conxunto de medidas preventivas.
Entre estas medidas, o documento presta especial atención aos sistemas de protección colectiva, como a ventilación, a aspiración localizada, os equipos de captación de po, a organización do traballo e a aplicación de boas prácticas de limpeza e hixiene. Así mesmo, destaca a importancia dos equipos de protección individual como elemento complementario dentro dunha estratexia global de prevención.
Tras a intervención de Javier Madera García, enxeñeiro de Minas e experto en Hixiene Industrial, encargado de presentar a guía e explicar as súas principais aplicacións prácticas, María del Carmen González Quintela, presidenta do GDR7, puxo en valor “o orgullo de promover iniciativas útiles que permiten reforzar a competitividade e a sustentabilidade dunha actividade esencial para a comarca”, destacando a importancia de impulsar ferramentas que contribúan a mellorar o futuro dun sector que permitiu “facer avanzar a comarca de Valdeorras, Galicia e Castela e León”.
O subdirector xeral de Recursos Minerais da Xunta de Galicia, Diego Casal Ramos, foi o encargado de clausurar a xornada, poñendo en valor o apoio da entidade autonómica ao sector e destacando os compromisos adquiridos durante as últimas semanas nesta materia. “Tede a seguridade de que Galicia é un territorio estratéxico; desde a Xunta imos achegar todo o necesario para que o noso territorio sexa un referente”.

A presentación desta guía supón un novo avance no compromiso do sector da pizarra coa mellora continua das condicións de traballo e coa consolidación dunha actividade máis segura, sustentable e preparada para afrontar os desafíos futuros. Con esta iniciativa, o Clúster da Pizarra de Galicia reforza o seu papel como axente impulsor de solucións adaptadas ás necesidades reais das empresas e das persoas profesionais que forman parte desta industria.

