Novas

O alumnado do CIFP Cantería de Galicia achégase ao sector da pizarra da man do Clúster da Pizarra

Novas

Alumnos durante a súa visita á fábrica.

O Clúster da Pizarra de Galicia recibiu a visita do alumnado do alumnado do ciclo medio de Pedra Natural e Alta Especialidade do CIFP Cantería de Galicia, nunha xornada que permitiu aos estudantes achegarse á realidade da industria da pizarra e coñecer de primeira man as características e posibilidades deste material natural.

Durante o percorrido, os participantes tiveron a oportunidade de afondar nas diferentes etapas do proceso produtivo, desde a extracción da pedra nas explotacións ata a súa transformación, elaboración e selección para a súa posterior comercialización. Unha experiencia que lles permitiu descubrir o traballo especializado que hai detrás de cada peza de pizarra e os procesos necesarios para garantir a súa calidade.

A visita tamén serviu para coñecer as propiedades técnicas da lousa galega, as súas prestacións e as súas múltiples aplicacións no ámbito da arquitectura e da construción, especialmente en cubertas e outras solucións construtivas. Así mesmo, os estudantes puideron achegarse á realidade dun sector que combina tradición, coñecementos técnicos e innovación, e que constitúe unha actividade económica de grande relevancia en Galicia.

Este tipo de iniciativas contribúe a estreitar a relación entre os centros de formación e o tecido empresarial, ofrecéndolle ao alumnado unha visión máis próxima das oportunidades profesionais vinculadas á cantería e ao traballo coa pedra natural. Ademais, permite poñer en valor a pizarra galega como un material de referencia polas súas calidades, durabilidade e versatilidade, así como os coñecementos e a experiencia dos profesionais que forman parte desta industria.

Esta iniciativa contou coa colaboración da Deputación de Ourense.

Alumnos durante as explicacións na súa visita á canteira.
gl_ES