Disporá dun stand de 72 metros cadrados deseñado polo arquitecto Carlos Quintáns Eiras
O Clúster da Pizarra de Galicia estará presente do 17 ao 19 de xuño de 2026 en STONEGAL, a Feira Internacional da Pedra Natural, que celebrará a súa segunda edición no recinto feiral IFEVI de Vigo.
O Clúster disporá dun stand de 72 metros cadrados deseñado polo arquitecto Carlos Quintáns Eiras, concibido como un espazo para poñer en valor a calidade e versatilidade da pizarra galega. Os visitantes poderán descubrir a ampla variedade de formatos e aplicacións deste material natural, ademais de acceder, a través de dúas pantallas audiovisuais, a unha ampla información sobre o sector.
“Este espazo servirá como un punto de encontro con profesionais, empresas e institucións, favorecendo o intercambio de experiencias e a creación de novas oportunidades de colaboración”, apuntou Severino González, xerente do Clúster da Pizarra.
Sobre STONEGAL
Considerada unha das principais citas profesionais do sector, STONEGAL volverá reunir á industria da pedra natural. Nesta segunda edición participarán máis de 150 firmas de Europa, América e Asia, que presentarán as últimas novidades en materiais, tecnoloxía e innovación aplicadas á arquitectura, á construción e ao deseño.
Xunto á zona expositiva, a feira ofrecerá un completo programa de actividades que incluirá relatorios, mesas redondas, demostracións prácticas e encontros profesionais orientados a fomentar o intercambio de experiencias, a innovación e o desenvolvemento de novas oportunidades comerciais, poñendo en valor a pedra natural como un material cun papel estratéxico na construción, na arquitectura e no deseño.


