Fixo entrega dun cheque e dun diploma ás estudantes Araceli López Gallego, Cintia Anabel Pérez González, Eva López García e Nerea López García
O Clúster da Pizarra de Galicia volveu premiar a excelencia académica e esta mañá fixo entrega dos seus Premios aos Mellores Expedientes de Bacharelato das zonas de Quiroga, A Rúa e O Barco de Valdeorras. Trátase dunha iniciativa que reflicte a súa aposta pola formación das novas xeracións e pola promoción do talento nas zonas vencelladas á industria da louseira.
O premio consiste nun diploma e un cheque de 300 euros para cada estudante. En Quiroga, a mellor alumna foi Araceli López Gallego, do IES de Quiroga, mentres que na Rúa o recoñecemento recaeu en Cintia Anabel Pérez González, do Colexio Pablo VI.


Na zona do Barco de Valdeorras, dúas alumnas do IES Martaguisela, Eva López García e Nerea López García, acadaron a mellor cualificación deste curso. Ao obter ambas a mesma nota, recibiron un diploma cada unha e repartiron o premio económico.

O xerente do Clúster da Pizarra, Severino González, foi o encargado de facer entrega dos cheques nos tres centros educativos.

