Novas

O Clúster da Pizarra de Galicia achega as posibilidades da pizarra ao alumnado de Arquitectura Técnica da Coruña

Novas

A Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña acolleu esta mañá unha xornada dedicada ao sector da pizarra galega, na que o alumnado e o profesorado puideron coñecer de primeira man as características deste material natural, as súas posibilidades no ámbito da construción e o proceso que segue desde a súa extracción ata a súa transformación e preparación para a comercialización.

A xornada contou coa participación de Severino González Álvarez, xerente do Clúster da Pizarra de Galicia, quen realizou unha presentación xeral sobre o sector e explicou polo miúdo as distintas fases que conforman o proceso produtivo da pizarra en Galicia.

Durante a súa intervención, González abordou tanto a actividade extractiva como as diferentes etapas que se desenvolven posteriormente nas plantas de elaboración. Neste percorrido explicou o proceso de extracción dos bloques de pizarra na canteira, a súa carga e transporte ata as naves de elaboración, o serrado e dimensionamento dos bloques, o labrado e recorte das pezas, a selección e clasificación do produto e, finalmente, o seu embalaxe, paletización, almacenamento e expedición.

A continuación, Santiago López Piñeiro, arquitecto técnico, profesor universitario, doutor en Dirección Integrada de Proxectos e experto en Enxeñaría da Edificación e Execución de Obras, impartiu a conferencia titulada «A pizarra: unha fusión perfecta entre confianza, seguridade e deseño». Nela, afondou nas características e prestacións deste material e nas razóns polas que os profesionais da arquitectura técnica poden apostar pola pizarra natural nos seus proxectos.

Durante a súa intervención, López Piñeiro destacou propiedades como a durabilidade, a impermeabilidade, a resistencia ás xeadas, a capacidade de illamento térmico e acústico, o comportamento fronte ao lume e o reducido mantemento, características que converten a pizarra nunha solución de altas prestacións para diferentes aplicacións construtivas.

A xornada permitiu así achegarlles aos futuros arquitectos técnicos non só as propiedades do material, senón tamén o traballo e os coñecementos técnicos que hai detrás de cada peza de pizarra que chega ao mercado. O coñecemento directo de toda a cadea de valor resulta especialmente relevante para os profesionais encargados de prescribir e seleccionar materiais nos proxectos de construción.

A actividade terá continuidade o vindeiro 20 de novembro, cunha visita a Valdeorras na que o alumnado e o profesorado poderán coñecer sobre o terreo unha explotación de pizarra e unha planta de elaboración, completando así os coñecementos adquiridos durante a xornada.

Con esta iniciativa, o Clúster da Pizarra de Galicia reforza a súa aposta por achegar o sector ao ámbito académico, dando a coñecer ás novas xeracións de profesionais as características, prestacións e posibilidades dun material natural de referencia na arquitectura e na construción.

 

Participantes durante a iniciativa levada a cabo na EUAT da Coruña.

 

gl_ES