O Clúster da Pizarra de Galicia entregou este luns, 9 de novembro, os galardóns correspondentes aos III Premios de Construción Sostible con Pizarra, unha convocatoria que recoñece o talento arquitectónico, a innovación e a aplicación da pizarra natural en proxectos construtivos que destacan pola súa sustentabilidade e integración na contorna. O acto celebrouse no salón de actos da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e contou coa participación de representantes do sector empresarial e da Xunta de Galicia.
A xornada comezou coas intervencións do presidente da CEO, David Martínez Alonso; do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López Alonso, e do director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, Pablo Fernández Vila, que participaron na apertura institucional antes de dar paso á entrega dos tres recoñecementos desta edición.
O primeiro premio recaeu en Big Fish, unha vivenda unifamiliar situada en Cadavedo (Asturias) e proxectada polo estudo F5 Proyectos y Arquitectura. O galardón foi recollido polos representantes dos distintos profesionais e empresas que fixeron posible a obra: CUFA, Cubiertas Ventiladas S.L., responsable da colocación da pizarra; Miguel Blanco González, arquitecto técnico, e F5 Proyectos y Arquitectura, estudo encargado do deseño do proxecto. Os recoñecementos foron entregados polo presidente do Clúster, Eliseo López Alonso; o el vicepresidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Daniel León González, e o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila.
A proposta destaca pola súa concepción arquitectónica, a súa adaptación ás características do terreo e a utilización da pizarra como elemento protagonista da envolvente exterior do edificio, mediante unha fachada ventilada que combina innovación construtiva, eficiencia enerxética e deseño contemporáneo.
O proxecto propón unha vivenda concibida como un percorrido fluído entre o xardín, as montañas e o mar. A súa xeometría curva permite adaptarse aos límites da parcela e elevar a construción sobre o terreo, reducindo a súa pegada física. Un dos seus aspectos máis destacados é o sistema construtivo, inspirado no origami, que substitúe a estrutura convencional por unha envolvente portante de aceiro galvanizado. O xurado valorou especialmente a utilización da pizarra como parte activa dunha arquitectura industrializada, eficiente e vinculada á súa contorna.
O primeiro accésit foi para Memoria en Pizarra, un proxecto deseñado polo estudo Mol Arquitectura. Recolleron os recoñecementos Santiago Rubio, como colocador de pizarra; Luis Ángel López Gómez, como arquitecto técnico, e un representante de Mol Arquitectura, en nome do estudo responsable do deseño. A entrega correu tamén a cargo de Eliseo López Alonso, Daniel León González e Pablo Fernández Vila.
Pola súa banda, o segundo accésit recaeu en A Casa Gobo, un proxecto de rehabilitación dunha construción vernácula para destinala a actividades de agroturismo. . Os galardóns foron recollidos por Antonio Díaz López, colocador de pizarra; Jesús M.ª Amor Martínez, arquitecto técnico, e representante do estudio responsable do proxectos. Nesta ocasión, os encargados de entregar os recoñecementos foron tamén os representantes do Clúster e da Xunta de Galicia.
Esta proposta recupera unha edificación tradicional característica das serras orientais de Galicia que, tras décadas de abandono, presentaba un estado ruinoso. A intervención devólvelle un novo uso vinculado á explotación gandeira familiar, ao tempo que mantén a súa relación co territorio e respecta as formas tradicionais de habitalo.
Os tres proxectos foron seleccionados por unanimidade polo xurado, integrado por profesionais do sector, despois de examinar e valorar os seis expedientes presentados a esta convocatoria. Entre os criterios considerados figuraron as características de cada proposta, as solucións construtivas, a integración da pizarra, a innovación e a relación dos proxectos coa súa contorna.
Durante o acto, o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López, destacou que “o premio de Construción Sostible con Pizarra consolidouse como unha iniciativa de referencia no sector, como demostra o interese suscitado nesta terceira edición, á que se presentaron un importante número de proxectos que integran lousa procedente das empresas do noso Clúster ou da Federación Nacional e situados non só na nosa comunidade autónoma, senón tamén noutros puntos da xeografía española”.

Recoñecemento á arquitectura sostible
Os Premios de Construción Sostible con Pizarra naceron en 2021 por iniciativa do Clúster da Pizarra de Galicia como un certame de convocatoria trienal destinado a poñer en valor a pizarra natural como material de referencia para unha edificación máis sostible e como elemento impulsor da innovación arquitectónica.
A iniciativa busca recoñecer proxectos que destaquen pola utilización deste material, as súas posibilidades técnicas e estéticas, así como pola súa contribución a mellorar a habitabilidade e a sustentabilidade das construcións. Entre as características da pizarra natural figuran a súa durabilidade, impermeabilidade, resistencia ás xeadas, capacidade de illamento térmico e acústico, comportamento ignífugo e reducido mantemento.
Con esta terceira edición, o Clúster reafirma a súa aposta por impulsar o coñecemento e a aplicación da pizarra natural na arquitectura contemporánea, fomentar a investigación e o desenvolvemento de novas solucións construtivas e dar visibilidade ao traballo de arquitectos, técnicos e profesionais que contribúen a ampliar as posibilidades deste material.





