Últimas Noticias

As empresas do sector da pizarra invisten máis de 8 millóns de euros en combater o po de sílice

Últimas Noticias

O Clúster da Pizarra de Galicia reuniu a máis de 50 profesionais do sector da pizarra nunha Xornada Técnica sobre prevención e saúde laboral.

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández, reafirma o compromiso da Xunta coa pizarra, que durante os últimos anos concedeu “máis de 80 axudas por un importe total superior aos 4,2 millóns de euros para combater o po de sílice”.

O Clúster da Pizarra de Galicia celebrou hoxe a Xornada Técnica sobre seguridade e saúde no sector da pizarra. Máis de 50 persoas, reunidas na sede do Centro Tecnolóxico da Pizarra, en Sobradelo de Valdeorras, asistiron ás ponencias realizadas por expertos en materia de prevención de riscos laborais e hixiene industrial.

O presidente do Clúster, Eliseo López, quixo destacar na súa intervención a implicación absoluta das empresas do Clúster en materia de seguridade e saúde, como demostran os máis de 8 millóns de investimento nestes conceptos nos últimos catro anos”. Agradeceu así mesmo “o apoio da Xunta de Galicia pola súa achega en axudas de máis de 4 millóns de euros” para o desenvolvemento de proxectos nesta materia.

Tamén aludiu López á importancia da celebración desta xornada coa intervención de expertos en materia de seguridade e saúde laboral, temas “que consideramos merecen reflexión” e polos que “as empresas do noso sector traballan, cun investimento destinado a iso que se incrementa cada ano”.

Nesta liña pronunciouse o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, quen lembrou que “é moi importante poñer en valor que levamos xa concedidas máis de 80 axudas por un importe total superior aos 4,2 millóns de euros para combater o po de sílice”. Tamén aludiu “aos avances que se fixeron nos últimos anos” e á importancia de “organizar xornadas como a de hoxe, que traten estes temas desde o punto de vista técnico e sanitario”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Sobradelo, María Carmen González Quintela, pediu na súa intervención, na clausura das xornadas, “ás institucións, que sigan investindo en saúde e seguridade” porque, explicou, “estamos para solucionar os problemas dos traballadores da lousa tratados hoxe aquí”. Aludiu ao diálogo “para tratar temas serios sen crear alarma social” e á importancia deste tipo de actividades das que, como alcaldesa de Carballeda, “séntese moi orgullosa”, expresou.

Os expertos

O experto en prevención de Riscos Laborais con máis de 20 anos de experiencia no sector, Marcos Fernández, explicou a normativa máis recente relacionada coa exposición ao po de sílice xerado na industria da pizazrra. “En 2020 houbo un cambio fundamental no sector: a sílice cristalina clasificouse como axente canceríxeno”. A nova normativa, explicou, “implicou unha serie de cambios a todos os niveis e as empresas tiveron que adaptarse”.

Acto seguido, os enxeñeiros Daniel León e José Luis Folla falaron sobre as melloras xa implementadas nas empresas en materia de redución da exposición ao po de sílice nas industrias do sector. Tras realizar un percorrido polas melloras efectuadas en cada fase, a conclusión é que, a pesar de “ter que implementar novas medidas en tempo récord debido á normativa imposta”, aínda “hai moito que probar; a clave é atopar un compromiso entre custo, beneficio e viabilidade”.

Pola súa parte, o enxeñeiro de minas e experto en Hixiene Industrial, Javier Madera, abordou a prevención ante a exposición ao po de sílice desde “a obriga de adaptación a unha lexislación das máis esixentes de Europa e cunha das interpretacións tamén máis esixentes”, explicou. Aludiu ao futuro máis inmediato do sector que aplicará, segundo expuxo, “solucións vangardistas” ante un tema no que “estamos a un altísimo nivel” porque “metemos o acelerador” para lograr adaptarnos á norma.

O catedrático de Física da Universidade de Santiago de Compostela, Alberto Pérez, falou na súa exposición do proxecto de modelización numérica realizado en dúas fábricas do sector, abordando cuestións de redución do risco de exposición ao po de sílice cristalina respirable mediante simulación de dinámica de fluídos computacional. “Nós podemos traballar na predición para a prevención, é dicir, podemos estudar como vai funcionar a nova tecnoloxía adquirida pola empresa, o cal ten unha incidencia directa na saúde dos traballadores”, explicou.

En canto á última ponencia, a médica especialista en Pneumoloxía, Laura Sierra, falou sobre prevención de riscos laborais nas empresas do sector da pizarra, desgranando cada aspecto da exposición ao po de sílice cristalina e os seus efectos no organismo. Avogou por “un diagnóstico rigoroso” que “non xere confusión nin alarma” ante unha enfermidade “totalmente evitable” grazas ás “medidas de prevención que nos axudan a protexer o traballador e a empresa”.

A xornada técnica rematou cun debate cos expertos poñentes como protagonistas, no que os asistentes lles formularon dúbidas prácticas coas que lidan habitualmente no seu día a día.

 

De esquerda a dereita, os poñentes Marcos Fernández, José Luis Folla, Daniel León, Laura Sierra, Alberto Pérez e Javier Madera.
es_ES