Calidade e Normalización

O desenvolvemento de calquera sector sempre está marcado pola procura da calidade no produto obtido. A calidade no sector da pizarra evolucionou durante as últimas décadas mediante a aparición e intervención de diferentes organismos, marcas e normativas destinadas para tal fin.

Os marcados de calidade dos que dispón a pizarra de Galicia indican que é un produto de primeira calidade.

O marcado CE é obrigatorio desde o ano 2006; isto supón a homoxeneización da xestión da calidade e das normas europeas para a pizarra, ademais de que aqueles produtos que teñan esta marca cumpren uns requisitos esenciais de calidade para poder circular e seren comercializados en todos os países da Unión Europea.

O marcado CE é a primeira revolución deste século para o sector da pizarra, que repercute no beneficio do sector da pizarra en Galicia. A pizarra importada de terceiros países tamén deberá posuír este marcado, correspondendo neste caso realizar a declaración de conformidade ao mandatario do fabricante que se atope legalmente establecido na UE. Isto supón un freo á importación de pizarra de dubidosa calidade desde outros países como China ou Brasil.

NORMATIVA

A normativa que regula a seguridade tanto dos produtos de pizarra como do seu proceso de elaboración e comercialización é de ámbito europeo e obriga a someter todo o produto a exhaustivos controis. Está recollida e amparada polo Regulamento (UE) 2024/3110 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de novembro de 2024, polo que se establecen regras harmonizadas para a comercialización de produtos de construción.
Hoxe en día existen tres normas específicas para pizarra: a Norma UNE-EN 12326-1 “Especificacións do produto”, a cal detalla os requisitos que se lle esixen á pizarra; a UNE-EN 12326-2 “Métodos de ensaio”, onde se especifica como deben realizarse os ditos métodos de ensaio; e a UNE-EN 22190 “Produtos de pedra natural. Construción de cubertas inclinadas e revestimento de paramentos verticais, con pizarra”, que recolle os procedementos para o deseño de cubertas con pizarra, onde se explican as diversas formas para a colocación en obras así como os recubrimentos necesarios.

Os ensaios establecidos na Norma UNE-EN 12326-2 poden realizarse nun organismo ou laboratorio acreditado para tal efecto e serán válidos para toda Europa, co que se pretende unificar os criterios nos distintos países. No Centro Tecnolóxico da Pizarra existe un laboratorio acreditado por ENAC, acreditación de carácter internacional, onde se realizan os ditos ensaios. Así axilízase o mercado e abarátanse custos, xa que non haberá que ensaiar a pizarra nos laboratorios dos países nos que se comercialice.

Os resultados obtidos dos ensaios sobre as pizarras caracterízanas, existindo unhas marxes de aceptación para cada ensaio. Neste punto convén recalcar que estas normas foron realizadas por expertos recoñecidos do sector da pizarra procedentes de toda Europa, e as marxes de aceptación que se estableceron concordan coa realidade da pizarra para cubertas, por suposto inclinándose cara a unha mellora da calidade do produto.