Durabilidade

A durabilidade é a propiedade máis importante e que mellor caracteriza á pizarra de Galicia e é, sen dúbida, a que marca a diferenza co resto de materiais substitutivos que se utilizan en cuberta e fachada. A pizarra permanece inalterable e constante nas súas propiedades técnicas fronte a moitos factores como a humidade, o po, o salitre, o frío, a calor, a neve ou o vento. Polo tanto, a pizarra é resistente aos ataques dos axentes atmosféricos e ás corrosións producidas por fumes e gases; debido á súa composición, non é atacada nin por ácidos nin por bases, sendo practicamente insensible ao medio ambiente natural ou industrial. Nesta invariabilidade das súas características reside en parte unha das súas maiores virtudes, que é a durabilidade. Segundo un estudo da Universidade de Bath, no Reino Unido, estímase que a vida útil dunha pizarra é de 200 anos..
Illamento térmico

Algúns dos materiais utilizados para a colocación en cuberta ou fachada non presentan un adecuado illamento térmico, sendo este un dos factores representativos que indican a calidade do produto. Tanto é así, que no Código Técnico da Edificación establécese a actual Certificación Enerxética dos Edificios, que cataloga e diferencia as edificacións polo seu aforro enerxético en función da resistencia térmica dos elementos que forman os cerramentos e a cuberta, entre outros.
O illamento térmico dos cerramentos é maior canto menor sexa o coeficiente de transmisión térmica dos elementos polos que están formados. No caso das cubertas, a pizarra destaca sobre outros materiais de cubrición. Ademais, se se engade a montaxe habitual da pizarra con cámara de aire, ou con materiais illantes, a dita condutividade térmica será moito menor, polo que o illamento térmico e, polo tanto, o aforro enerxético da vivenda, será maior.
Impermeabilidade e resistencia á xeada

A impermeabilidade da pizarra asegura unha absorción de auga e unha xeladicidade baixas, as cales están intimamente relacionadas coa durabilidade. Só hai que usar o sentido común: se un material absorbe unha cantidade elevada de auga debido á súa porosidade, e sábese que a conxelación da auga e a formación de xeo supoñen un aumento de volume pola súa transformación de líquido a sólido, é evidente que un material poroso exposto a baixas temperaturas e xeadas vai sufrir con maior intensidade, podendo chegar a fenderse ou romperse. No estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela coméntase que a absorción é unha propiedade do material que representa a capacidade do mesmo para absorber auga. Está pois relacionada coa porosidade aberta, ou o que é o mesmo, o volume de ocos en contacto coa atmosfera. Os materiais obxecto do estudo presentan os seguintes valores, segundo o mesmo: Placas de pizarra: 0,40%. Tellas cerámicas: 12%. Tellas de formigón: 6%. É evidente o menor valor de absorción da pizarra con respecto aos outros dous materiais.
Illamento acústico

A propiedade de illamento acústico depende da densidade dos materiais que compoñen o cerramento, neste caso a cuberta. A densidade da pizarra é maior ca doutros materiais, polo que supón un maior illamento acústico, tanto ao ruído aéreo como ao ruído producido por calquera tipo de impacto. A propiedade do illamento acústico depende da densidade dos materiais que componen o cerramento, neste caso a cuberta. O valor da densidade da pizarra oscila entre 2,7 – 2,85 gr/cm3, mentres que o dos principais materiais de cubrición como son a tella cerámica e o fibrocemento son 2,0 gr/cm3 e 1,8 gr/cm3, respectivamente. A densidade da pizarra é maior ca doutros materiais polo que supón un maior illamento acústico, tanto ao ruído aéreo como ao ruído producido por calquera tipo de impacto. Ante o ruído de impacto, como pode ser a auga da chuvia ao golpear contra a cuberta, a pizarra conta coa vantaxe de ser un material moi coherente e elástico, polo que é difícil que unha lousa de pizarra ben colocada entre en resonancia, absorbendo ben o impacto.
Illamento eléctrico

A falta de condutividade confírelle á pizarra un gran valor como material illante. A súa utilización nos cadros eléctricos acadou tal importancia que durante a Segunda Guerra Mundial a produción das canteiras orientouse á fabricación deses compoñentes con destino á maquinaria bélica. Máis tarde, coa chegada de novos materiais illantes máis lixeiros, prácticos e baratos, relegouse o seu uso con esta finalidade. Hoxe en día aínda quedan cadros eléctricos de pizarra nalgúns edificios antigos dos Estados Unidos.
Resistencia á flexión

No estudo da Universidade de Santiago de Compostela con datos achegados por LOEMCO analízase outra das propiedades máis significativas para a durabilidade, a resistencia á flexión. Neste estudo compáranse as resistencias á flexión de distintos materiais de cuberta segundo a realización de ensaios en laboratorio que proban que a pizarra presenta unha alta resistencia á flexión, polo tanto unha maior durabilidade. En resumo, nos ensaios suponse unha placa de pizarra de 10 mm de espesor, que é o espesor nominal dunha tella cerámica ou de formigón, cunha anchura de 290 mm e unha lonxitude tal que permita colocala entre as barras de apoio do dispositivo do ensaio de flexión, separadas 370 mm. Podendo esta placa asimilarse a unha tella cerámica plana de dimensións de 470 x 290 mm. Nestas condicións, para un ensaio en seco obtense un valor de carga de rotura para a pizarra de 365 daN, valor claramente superior ao dunha tella cerámica plana destas dimensións, para a cal se poderían esperar valores da orde de 250 – 300 daN. E tamén superior á resistencia á flexión en carga de rotura de 150 daN que presentan as tellas planas de formigón. Para saber de que magnitudes fala a norma, a unidade de forza daN denomínase decanewton e equivale a 10 Newtons, ou o que é o mesmo, 1 daN aproximadamente equivale a 1 quilogramo. Polo tanto, claramente a pizarra ten maior resistencia á flexión que as tellas cerámicas e de formigón, o cal está directamente relacionado cunha maior durabilidade do material.
Versatilidade

Pódese afirmar que todas as formas, pendentes ou espazos poden ser cubertos con pizarra. Partindo desta afirmación e apreciando a inmellorable calidade estética e técnica do acabado da pizarra, é lóxico pensar que poida utilizarse para levar a cabo diferentes elementos construtivos. O uso da pizarra para cubertas é o máis común debido ás innumerables características que achega para tal fin. Este feito non debe eclipsar as diversas solucións construtivas que é capaz de realizar a pizarra, como poden ser pavimentos interiores e exteriores, revestimentos interiores, revestimentos de fachada, fachadas ventiladas e mesmo elementos decorativos na construción.
Material Ignífugo

A pizarra, polas súas características, está exenta da realización de ensaios en canto a reacción e comportamento fronte ao lume externo, porque se considera un material ignífugo.
Superficie lisa

Unha das características que fan única á pizarra é a súa superficie, posto que non require acabado ningún para o seu uso comercial, ao contrario do que acontece con outros materiais. Os acabados que se lle dan á rocha ornamental obtéñense durante o proceso de exfoliación da pizarra, creando superficies lisas, planas, pero sempre naturais.
Mantemento da pizarra

O mantemento dunha cuberta ou fachada de pizarra é moi económico e consiste basicamente nunha limpeza con auga corrente a moi pouca presión, co fin de evitar a acumulación de po ou sucidade.
Elegancia

A pizarra é un material elegante, con brillo natural e textura moi particular, que fala da súa orixe sedimentaria e valor histórico. Esteticamente, é a mellor elección.

