Novas

O Premio Pioneiros da Pizarra rende homenaxe a quen impulsou o sector da pizarra galega

Novas

Asistentes durante a II edición dos Premios Pioneiros da Pizarra.

A segunda edición destes galardóns recoñece o Consello Galego da Arquitectura Técnica, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e as Escolas de Arquitectura da Universidade da Coruña.

No acto tamén se destacou a traxectoria dos once antigos presidentes da Federación Nacional da Pizarra, do Clúster da Pizarra de Galicia e da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra.

O Clúster da Pizarra de Galicia celebrou este martes a segunda edición dos Premios Pioneiros da Pizarra, unha cita dedicada a recoñecer as persoas e entidades que contribuíron ao desenvolvemento e á consolidación da industria da pizarra galega. O acto, celebrado no Complexo Hostaleiro Paladium, en Vilamartín de Valdeorras, contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana; e do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, ademais doutras numerosas autoridades autonómicas, provinciais e locais, así como dunha ampla representación de profesionais do sector.

A apertura da gala correu a cargo do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López Alonso, quen na súa intervención quixo destacar a contribución dos expresidentes á consolidación dunha industria «forte, cohesionada e cunha importante representación institucional». Así mesmo, salientou que, grazas ao seu traballo e ao de todas as persoas que formaron parte do sector, a pizarra galega é hoxe un referente internacional. O presidente do Clúster tamén puxo en valor o papel das universidades e dos colexios profesionais para achegar a pizarra á arquitectura contemporánea, explorar novas aplicacións e seguir impulsando o potencial deste material natural.

 

Eliseo López, presidente do Clúster de la Pizarra de Galicia, xunto a Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.

Homenaxe aos expresidentes

Durante a primeira metade do acto rendeuse homenaxe a once antigos presidentes da Federación Nacional da Pizarra, do Clúster da Pizarra de Galicia e da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra. Un recoñecemento á súa dedicación, compromiso e contribución á evolución dun sector que constitúe un dos principais motores económicos de Valdeorras e que levou o nome de Galicia aos mercados internacionais. Nesta mesma liña, os homenaxeados e os seus familiares destacaron o orgullo de formar parte desta industria, na que desempeñaron un papel fundamental.

Os galardóns distinguiron a Aureliano Fernández García, Ángel Pérez Álvarez, Esteban González Cuellas, Rogelio López Rodríguez, Manuel Fernández Blanco, Jesús Vidal Corcoba, Santiago Vázquez León, José Fernández Fernández, Víctor Cobo Arias, José Antonio Matarán Delgado e Miguel Ángel Fernández García. No caso dos expresidentes falecidos, foron os seus familiares quen recolleron os recoñecementos.

O sector premia os colexios e ás escolas de arquitectura e arquitectura técnica

A segunda parte da gala estivo dedicada á entrega dos catro galardóns desta edición, que recaeron na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e na Escola Técnica Superior de Arquitectura, ambas as dúas da Universidade da Coruña; no Consello Galego da Arquitectura Técnica e no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

Para recoller o primeiro dos premios subiu ao escenario Juan Luis Pérez, director da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña, quen destacou como o sector leva décadas demostrando a súa capacidade de innovación e de xeración de riqueza, e puxo o foco na necesaria colaboración entre empresas e universidade, así como no apoio da Xunta. Pola súa banda, Miguel Abelleira, director da Escola Técnica Superior, incidiu no papel da súa institución e na súa contribución ao sector da pizarra, con iniciativas específicas como as visitas dos estudantes do seu centro ás canteiras.

En representación dos órganos profesionais, José Manuel Grandío, presidente do Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Lugo e do Consello Galego da Arquitectura Técnica, agradeceu o galardón en nome da súa institución e dos colexios de Ourense, A Coruña e Pontevedra. O decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Luciano González Alfaya, sinalou a necesidade dun traballo conxunto e defendeu unha arquitectura de calidade, na que os materiais desempeñan un papel esencial.

Os recoñecementos foron entregados polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez; a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana Somoza; e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, respectivamente. As institucións premiadas estiveron representadas por responsables dos seus órganos directivos e representantes dos colexios profesionais das catro provincias galegas.

O presidente de la Xunta de Galicia entrega o galardón ao decano del Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Clausura do acto

A gala concluíu coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen quixo destacar a importancia de recoñecer as persoas pioneiras dun sector que ata hai non moito non era tan coñecido como o é na actualidade. Ademais, puxo en valor o papel da pizarra e da minería, tanto en Valdeorras como no resto de Galicia, e salientou a necesidade de adecuar a oferta formativa ás necesidades empresariais da industria. Precisamente, Rueda sinalou a comarca de Valdeorras como un «exemplo» de territorio que leva anos vivindo dos seus propios recursos.

O acto contou coas actuacións musicais de Andrea Velasco, á voz, e Iria Rodríguez, ao piano, ambas as dúas integrantes da Asociación de Música Alternativa de Valdeorras.

Exposición de fotografía

Ademais, puido visitarse a exposición itinerante «Pizarra», impulsada polo Clúster da Pizarra de Galicia. Esta mostra, que reúne as imaxes do fotógrafo Juan Rodríguez nun traballo coordinado polo arquitecto Carlos Quintáns, xa visitou A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo, Ferrol e Portugal.

A xornada rematou cun xantar oficial que reuniu representantes institucionais, empresarios e profesionais do sector, poñendo o broche final a unha segunda edición que volveu reivindicar o legado de quen contribuíu a construír a historia da pizarra galega e a importancia de seguir traballando polo seu futuro.

 

O presidente da Xunta de Galicia durante a súa chegada a Valdeorras.
gl_ES