Novas

O creador barquense David Lado López gaña o Concurso para o deseño do premio Construción Sostible con Pizarra

Novas

Baixo o lema “Raíces de pizarra, futuro sostible”, a proposta gañadora representa o ciclo de vida deste material e a súa vinculación coa arquitectura sostible.

O deseñador valdeorrés David Lado López é o autor do galardón creado para os III Premios Construción Sostible con Pizarra. O seu deseño resultou gañador do I Premio de Construción Sostible con Pizarra, tras impoñerse a máis dunha vintena de propostas presentadas.

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Eliseo López Alonso, foi o encargado de entregar o recoñecemento ao deseñador. Este consistiu nun diploma acreditativo da autoría da obra e nun cheque en recoñecemento ao seu traballo, creatividade e dedicación.

Unha homenaxe á pizarra e aos profesionais do sector

A obra galardoada representa o ciclo de vida da pizarra, desde a súa extracción na montaña ata a súa elaboración e posterior utilización. A peza está formada por unha peaña de madeira sobre a que se elevan dúas siluetas que simulan o perfil das montañas.

En primeiro plano atópase unha chapa de aceiro co logotipo do Clúster, xunto a dous elementos vinculados ao sector: o pico, ferramenta tradicional empregada na extracción, e a gaiola, utilizada para o transporte e almacenamento da pizarra elaborada. Ambos os elementos simbolizan o coñecemento e o esforzo dos profesionais que interveñen na súa transformación. Nun segundo plano, unha lámina de pizarra natural de maior altura representa tanto a orixe xeolóxica do material como a súa utilización na arquitectura sostible.

Esta combinación de madeira, aceiro corten e pizarra dá lugar a unha peza sinxela, elegante e equilibrada, elaborada con materiais resistentes e duradeiros que reflicten os valores da construción sostible e da pizarra.

Lado busca transmitir a sinxeleza, a solidez e o arraigo á terra, convertendo este galardón nunha homenaxe á pizarra natural e ás persoas que participan en todo o seu proceso de extracción, elaboración e aplicación.

O obxectivo desta iniciativa, impulsada polo Clúster da Pizarra de Galicia, é dotar os seus premios dunha identidade propia, fomentar o talento creativo e dar visibilidade ás posibilidades da pizarra galega máis alá dos seus usos tradicionais.

A organización e o desenvolvemento destes premios contaron co apoio e a colaboración da Consellería de Economía e Industria de Galicia.

 

Galardón elaborado polo valdeorrés David Lado.
gl_ES