Preguntas máis Frecuentes

Preguntas máis Frecuentes

Atopa respostas ás dúbidas máis comúns sobre a pizarra natural, os seus usos, características e beneficios. Xa sexas un profesional do sector ou un particular interesado, nesta sección aclaramos todo o que precisas saber para aproveitar ao máximo este material sostible e duradeiro.

Como podo poñerme en contacto cunha empresa para comprar pizarra?

Nesta páxina web dispoñemos de todos os datos de contacto das empresas asociadas ao Clúster da Pizarra de Galicia, as cales lle ofrecerán orzamento sen compromiso de pizarra de calidade certificada.

O mantemento das cubertas de pizarra supón un custo elevado?

O mantemento das cubertas de pizarra supón un custo moi baixo debido a que, en relación á súa longa vida útil, as operacións destinadas a tal fin son escasas. Por outra banda, a substitución de pizarras danadas é moi sinxela porque só fai falta substituír as pezas afectadas; simplemente consiste en quitar o cravo ou gancho correspondente e cambiar a peza por unha en bo estado. Ademais, considérase que as pizarras presentan unha superficie autolimpable, polo que a sucidade que se deposita é escasa.

A pizarra de Galicia presenta unha axeitada calidade para a súa utilización na cuberta?

A pizarra de Galicia pasa por exhaustivos controis de calidade que certifican que se trata dun produto óptimo para tal uso. As Normas UNE de obrigado cumprimento e os ensaios levados a cabo no Laboratorio do Centro Tecnolóxico da Pizarra certifican a calidade do produto. Ademais, o marcado CE distingue a calidade da pizarra de Galicia fronte a outra pizarra de países como China ou Brasil que carecen de marcado algún.

Por que elixir pizarra para unha cuberta fronte a outros materiais?

Sen dúbida, a pizarra mostra unhas propiedades dificilmente alcanzables por outros materiais. Desde a inmellorable relación calidade/prezo; a súa gran durabilidade, que lle permite permanecer inalterable fronte á humidade, po, salitre, frío, calor, neve ou vento; a súa gran impermeabilidade e baixa absorción de auga (a pizarra presenta unha absorción do 0,40%, mentres que a tella cerámica pode chegar ata un 12%, segundo datos achegados por LOEMCO); as súas propiedades térmicas e acústicas; o seu escaso mantemento e depósito de sucidades; e a súa contribución ao medio ambiente, sendo un produto que apenas deixa pegada de carbono.

Cantas pezas de pizarra por m2 ten unha cuberta?

Á hora de colocar unha cuberta resulta de vital importancia coñecer cantas pizarras se necesitarán por metro cadrado, pois iso determinará gran parte do peso que deberá soportar a estrutura. O número de pizarras dependerá do formato da peza, a zona climática, a pendente e a lonxitude da cuberta. Os mencionados parámetros determinarán o recubrimento, o dato que impedirá que a auga penetre na cuberta.

En que outras partes dunha casa se pode utilizar pizarra?

A pizarra pódese usar en todas as partes da casa, tanto en muros, como en chans, fachadas ou no mobiliario. Isto débese a unha das súas características, a versatilidade ou capacidade de adaptación a espazos e solucións construtivas moi diversas. Desde hai séculos emprégase a pizarra para recubrir edificios, coa finalidade de mellorar o seu illamento; nos últimos tempos popularizáronse as fachadas ventiladas debido ao desenvolvemento de novos sistemas de colocación específicos.

Os muros de pizarra gozan de menor popularidade, sobre todo porque a pizarra é unha rocha susceptible de exfoliarse en placas finas, e non adoita ser habitual utilizala para mampostos, que poden fabricarse con outro tipo de materiais.

Tamén se fabrican encimeiras, pratos de ducha, bancos e mesmo mesas de billar e outro mobiliario e decoración.

Por que se di que a pizarra presenta unha boa relación calidade/prezo?

Dise que a pizarra presenta unha boa relación calidade/prezo debido a que, ao ser un material con gran durabilidade e escaso mantemento, os custos referentes tanto ao material, a súa instalación e mantemento ao longo da súa vida útil son moi competitivos en relación con outros materiais.

Por que a pizarra é a mellor opción para unha fachada?

Porque as súas propiedades son difíciles de superar por outros materiais. A pizarra posúe unha gran durabilidade, permanece inalterable baixo condicións adversas de humidade, po, salitre, frío, calor, neve, xeo, etc. É un material que goza de alta impermeabilidade, é illante fronte ao ruído e á calor, e o seu mantemento é escaso. Pola súa natureza, a pizarra é un material respectuoso co medio ambiente.