
O Clúster da Pizarra de Galicia organizou unha xornada formativa, impartida por Antonio Raya, profesor do Departamento de Construcións Arquitectónicas da Universidade da Coruña, co obxectivo de achegar o alumnado ao coñecemento da lousa como material de construción e poñer en valor as súas calidades, prestacións e posibilidades na arquitectura actual.
Durante a sesión, os participantes puideron afondar nas características técnicas deste material natural, nas súas propiedades e no seu comportamento, así como coñecer as súas diferentes aplicacións en proxectos arquitectónicos, especialmente en solucións de cubertas e revestimentos. Así mesmo, abordáronse os criterios que cómpre ter en conta na súa prescrición e utilización, facendo fincapé en aspectos como a durabilidade, a funcionalidade, a sustentabilidade e as posibilidades estéticas da lousa.
Esta iniciativa enmárcase no labor divulgativo do Clúster da Pizarra de Galicia para promover o coñecemento deste material entre as novas xeracións de profesionais da arquitectura e da construción, favorecendo unha maior comprensión das súas vantaxes e fomentando a súa incorporación nos proxectos construtivos.

